martes, 31 de xaneiro de 2023

Os xenes e o ambiente

 


 Este martes a nosa biblioteca vestiuse de gala para recibir a Ángel Carracedo. Á charla, titulada
Falemos de xenes e ambientes, asistiron máis de 50 persoas de toda a comunidade educativa e
foi presentada polas alumnas Candela, Nerea e Inés.
O xenetista e catedrático Ángel Carracedo debullou dun xeito sinxelo e ameno a relación entre
a xenética e as enfermidades mentais. Tras a charla, respondeu ademais a todas as preguntas
formuladas polos asistentes, que non foron poucas.

mércores, 25 de xaneiro de 2023

Visitamos o CIMUS e a Fundación de Medicina Xenómica acompañados por Ángel Carracedo

 

O pasado luns 23 de xaneiro un grupo de 24 alumnos de 1º e 2º de Bacharelato desprazáronse

a Santiago para visitar o Cactus, o Cimus e mais a Fundación de Medicina Xenómica.

Na primeira parte da visita, fixéronse dous grupos e, mentres o primeiro se dirixía ao Edificio

Cactus o segundo facía unha visita ao Cimus acompañados polo xenetista Ángel Carracedo.



Máis tarde encontrariámonos na Fundación de Medicina Xenómica onde, ademais de tomar un

café con Ángel Carracedo, puidemos gozar dunha visita guiada polas laboratorios das

instalacións.



martes, 24 de xaneiro de 2023

Seguimos aprendendo para o noso acuario

 

O mércores 18 de xaneiro a 22 alumnas e alumnos do Club de Ciencias, acompañados polas
profesoras Clara Regueira e Laura Sobrado, visitaron o Aquarium da Coruña.
Na visita a rapazada gozou das especies expostas nas distintas salas e puido tomar ideas para a
creación do noso propio acuario. Puidemos asistir ao momento de alimentar os peixes, pero
non tivemos a sorte de que o tiburón Gastón quixese comer, a pesares dos intentos do
mergullador. Por mor do temporal, tampouco puidemos ver as terrazas exteriores nin as focas.
O alumnado quedou encantado con esta visita.


Posteriormente dirixímonos ao MUNCYT, tamén na vila da Coruña. A visita guiada, aínda que
curta, foi ben aproveitada polos nenos e nenas, que participaron activamente e responderon,
case sempre con moi bo tino, ás preguntas dos guías.