martes, 29 de novembro de 2022

Aprendemos sobre o acuario mariño de litoral

 


Rematando novembro xuntámonos un grupo de 7 alumnos e 4 profesoras para recibir a primeira formación para a creación do noso acuario mariño de litoral.

A formación correu ao cargo de Martín Sobrado, experto en acuicultura. Informounos de como crear o acuario: como limpalo, como enchelo (debemos decidir se traemos auga do mar ou se a collemos da billa e a descloramos),  a utilización dos filtros axeitados, o tipo de comida que se lles debe dar aos peixes de auga salgada (xa que hai especies vexetarianas), cales son os niveis óptimos de nitratos, nitritos, amoníaco, etc. do acuario e como medilos e, sobre todo, que especies podemos introducir para que sexa un sistema sostible.

venres, 25 de novembro de 2022

A pegada do home e a súa influencia na xeomorfoloxía de Galicia

 


Co gaio da celebración do Mes da Ciencia en galego, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu á charla “A pegada do home e a súa influencia na xeomorfoloxía de Galicia” impartida por Francisco Canosa mediante videoconferencia.

Ao finalizar a mesma tiveron a oportunidade de lle facer preguntas ao conferenciante.

Enlace á videoconferencia: https://www.youtube.com/watch?v=bA2NtI4t9c4

martes, 15 de novembro de 2022

Estamos de patrón

 


Aproveitamos o Día da Ciencia para facer unha exhibición científica no hall do instituto. Na actividade participaron diferentes departamentos (Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Física e Química e Atención a persoas en situación de dependencia).


 O alumnado puido “queimar” billetes, xogar coas densidades dos líquidos, investigar o corpo humano, facer figuras con tangrams, manexar impresoras 3D e moitas máis actividades desenvolvidas por profesorado e alumnado voluntario.


 

xoves, 10 de novembro de 2022

E cando marchabamos apareceu Marte


 

 Tras ter que adiar a actividade por mor do mal tempo, por fin este xoves puidemos subir ao
faro de Brantuas observar as estrelas e os planetas Marte e Saturno.
Á actividade asistiron unha trintena de rapazas e rapaces de todos os cursos, algúns deles
acompañados das súas familias. Coma sempre, a profesora Isabel Segura explicounos as
constelacións e contestou ás preguntas da rapazada.
Ademais, o fotógrafo Andrés García, @drewkorme, ofreceu unha master class de fotografía
nocturna.

venres, 4 de novembro de 2022

Parece que esta vez si que o conseguimos

 

Cun pouco de sorte, e moita previsión meteorolóxica, este próximo xoves 10 de novembro iremos ao faro de Brantuas a ver as estrelas. 

Dende as sete teredes a posibilidade de colaborar. 

Lembrade que este ano tamén falaremos de fotografía.

martes, 1 de novembro de 2022

Retomamos o proxecto do Planetario portátil

 


A medida que imos reducindo as restricións COVID tamén imos rematando fases do proxecto. O obxectivo deste curso é montar todas as constelacións sobre a tela e rematar a programación destas.

A traballar!