mércores, 6 de decembro de 2017

luns, 4 de decembro de 2017

Epicollet para a recollida de datos

Estamos traballando no epicollet que empregaremos para ordenar a recollida de datos e xa temos unha primeira opción.

mércores, 29 de novembro de 2017

Datos das lonxas


Depois de moito investigar atopamos a forma máis precisa de recoller datos sobre as especies vendidas nas lonxas.
Agora temos que decidir que especies imos analizar atendendo aos datos doutros anos sobre a abundancia de especies.
https://www.pescadegalicia.gal/estadisticas/

Preparando o traballo de campo


   O traballo principal de investigación deste ano está pasado pola auga das nosas costas. Que mellor que empezar o curso cun roteiro pola costa de Laxe.

luns, 27 de novembro de 2017

Alumnas do club de ciencias en Galiciencia


A semana pasada dúas alumnas do noso club de ciencias presentaron traballos en Galiciencia. Un orgullo telas traballando con nós.

martes, 21 de novembro de 2017

Ciencia e cultura para espertar unha nova edición

Na edición pasada do Club de Ciencias rematamos visitando o CIMUS de Santiago, un dos centros de investigación máis importantes de Europa. Este ano empezamos repetindo cidade, visitando Santiago, pero nesta ocasión para profundar no coñecemento da historia e a arte dunha cidade chea de cultura.

domingo, 12 de novembro de 2017

Ferramentas precisas


A posta en común da proposta de traballo levóunos a atopar unha serie de necesidades:
  • Precisamos fabricar as nosas ferramentas para recoller mostras a distintas profundidades.
  • Necesitamos un disco Secchi.
  • Temos que deseñar un dispositivo que tome temperaturas a distintas profundidades.
Unha vez repartidos os traballos xa estamos en marcha.

Decididimos tamén os parámetros que analizaremos e a organización da recollida de mostras.
  • Protocolo para a recollida de mostras. (PDF)
  • Parámetros a analizar no laboratorio:
    • Sólidos totais.
    • Sólidos totais en suspensión.
    • Sólidos sedimentables.
    • Osíxeno disolvido.

domingo, 5 de novembro de 2017

Concretamos o traballo

A nosa comarca vive cara a un mar que nos proporciona moitos recursos. Entre estes destacan os recursos pesqueiros que se comercializan en tres lonxas: Malpica, Corme e Laxe. A primeira parte do noso traballo analizará algunhas das principais especies pesqueiras de Galicia e a súa evolución ao long do ano.
A segunda parte do traballo resultará máis complicada posto que temos queremos analizar as condicións físicas e químicas do mar  e para conseguilo teremos que documentarnos e fabricas ferramentas para a análise.
Na fase final buscaremos posibles relacións entre as condicións do mar e a abundancia de especies na lonxa.
A traballar. Dividámonos en grupos

domingo, 22 de outubro de 2017

Comezamos curso mirando ao mar

Este curso o noso proxecto principal ímonos mollar.
O mar será o fío condutor das nosas investigacións. Recolleremos datos sobre as condicións físicas, químicas, biolóxicas e xeolóxicas da costa de Laxe, Corme e Malpica. Posteriormente analizaremos eses datos buscando mellorar o noso coñecemento sobre as interaccións que se producen na nosa comarca entre a hidrosfera, atmosfera, xeosfera e biosfera.

xoves, 12 de outubro de 2017

Axudamos a protexer as nosas costas


   A plataforma Marnoba ofrécenos unha aplicación para levar un control do lixo recollido nas nosas saídas para recoller mostras. Descargade a aplicación e analizaremos a evolución da cantidade e tipo de lixo recollido ao longo do curso. Descarga a app para android e para iOS

mércores, 11 de outubro de 2017

Tomates con xenes

 

Unha canle moi interesante para estar ao día na continua loita por eliminar a ignorancia e as pseudociencias da nosa sociedade.
A cargo de J.M. Mulet profesor de biotecnoloxía.

mércores, 20 de setembro de 2017

Malaria spot


    Xogando coa ciencia. Dous xogos que axudan a diagnosticar a malaria.
Malariaspot ten incluso ten olimpiadas contra a malaria

mércores, 6 de setembro de 2017

Coñece ao teu inimigo. Os asteroides veñen de visita



E non, non estou pensando no inicio de curso. Existe realmente risco de que un asteroide choque contra nós? Este proxecto de ciencia cidadá ofrécenos a posibilidade de axudar a responder a esta pregunta. Continuamente atopamos novos asteroides próximos á Terra, cun pouco de sorte os que descubrades non chocarán contra nós.
SVO. Identificación de asteroides cercanos a la Tierra.

mércores, 30 de agosto de 2017

Buscando extraterrestres que queran iniciar un novo curso

  
    Este é o proxecto de Ciencia Cidadá definitivo, non hai que facer nada. Para preguiceiros con ganas de axudar a buscar vida extraterrestre. So tedes que ir á páxinda do SETI e seguir as instrucións para que o voso ordenador axude aos cientificos mentres estudades os exames de setembro.

mércores, 16 de agosto de 2017

Mapeando os olores

    Por fin a aplicación que todos estabamos buscando, un lugar no que queixarnos dos malos olores. E non se fai con ánimo de cotilleo senón para facer un mapa que poda axudar a solucionar problemas ambientais. Chámse OdourCollect e resulta moi fácil de usar.

mércores, 2 de agosto de 2017

Mosquito alert

    Que mellor que perseguir mosquitos no verán. Normalmente somos nós os que escapamos deles pero os científicos tendemos a romper moldes así que avismos, coidado mosquitos que imos por vós.
Mosquito alert

mércores, 19 de xullo de 2017

Obseradores del mar

    Veña, un castelán para que non vos queixedes.
    Estamos no verán e apetece bañarse ata en Valarés. Pois xa que nos mollamos colaboremos co aumento do coñecemento dos océanos. Mergúllate no proxecto "Observadores del mar" e elixe unha das moitas formas de colaborar.

mércores, 5 de xullo de 2017

Xogamos para facer un mapa do cerebro

    Esta vez só nos piden que xoguemos. As habilidades cos videoxogos teñen que servir para algo, e que mellor que para facer un mapa das conexións neuronais. Participa en Eyewire e colabora no coñecemento das redes neuronais.

sábado, 24 de xuño de 2017

Xa voaron os poliños de automoción



Despois duns días de traballo constante para os pais, por fin os pequenos rabirrubios foron quen de voar e deixar o niño.

domingo, 18 de xuño de 2017

As aves do esteiro do Anllóns nunha aplicación feita por nós.

Despois dun ano de traballo xa temos rematada a aplicación sobre as aves do Anllóns. Lembrade que só programamos para Android. (Enlace)

luns, 12 de xuño de 2017

Será unha galaxia?


     Novamente empregando a plataforma Zooniverse volvemos a ter unha oportunidade de botar unha man aos científicos para adiantar nas súas investigacións. Galaxy Nurseries propón unha serie de datos e pídenos que distingamos os que merecen ser estudados polos astrónomos e os que non analizando os espectros que recibimos.

domingo, 11 de xuño de 2017

Contando estomas nas follas do Ginkgo


    Outro proxecto de ciencia cidadá, este aínda empezando (Atmosfera fósil). Piden a nosa axuda para contar o número de estomas (unhas estruturas que usan as plantas para controlar os gases que entran e saen das follas) nunha especie de árbore moi antiga chamada Ginkgo.

    Cos datos que obteñan poderán saber como se relaciona o número de estomas coas concentracións de CO2 da atmosfera e así poder reconstruír a súa historia.

    Lembrade que tedes que facer un usuario en Zooniverse para poder participar como científicos neste novo proxecto.

Resultados dos cultivos de microorganismos nas táboas de cociña



venres, 9 de xuño de 2017

Paporroibo pillado por David


Cazadores de dragones


Se che interesa coñecer cales foron as orixes da paleontoloxía, quen foron as persoas máis importantes neste campo ou cal foi a importancia dos fósiles españois para determinar a evolución das aves, este é o teu libro.

xoves, 8 de xuño de 2017

martes, 6 de xuño de 2017

Rematando as investigacións

   Rematando o curso temos que ir facendo o propio coas investigacións que iniciamos hai tres meses. Na imaxe os cultivos despois de que baleiraramos os resultados na sesión desta semana.
   Próximo o final hai unha reflexión que nos invade, a Ciencia precisa dos seus tempos e este curso empezamos un pouco tarde. O próximo ano, empezando en setembro, poderemos facer o traballo con máis calma.
   Ánimo a todos os grupos na fase de redacción dos proxectos que realizamos.

Pois si, fomos a Santiago invitados por Ángel Carracedo

Vista do Club de Ciencias do IES Eduardo Pondal a Ángel Carracedo on PhotoPeach

luns, 5 de xuño de 2017

Clasificando a vida salvaxe

    Hai uns días algún dos membros do club de ciencias falaba de dedicarse a perseguir leóns polo Serengueti. Pois este proxecto de ciencia cidadá pode axudarnos a facer unha primeira aproximación a este traballo.

    Piden a nosa colaboración para coñecer mellor o medio no que viven algúns dos grandes felinos analizando imaxes e describindo o que vemos. Só un problema, está un pouco en inglés... Vale, está totalmente en inglés pero lembrade o que nos dicía Ángel Carracedo o outro día: a ciencia faise en inglés. Cun pequeno esforzo está listo. (Tedes que facer un usuario en Zooniverse para xogar: https://www.zooniverse.org/projects/panthera-research/camera-catalogue/classify)

mércores, 31 de maio de 2017

Epixenética no concurso Ciencia Clip

"Olaa a todos!! Somos Jennifer, Bea e Nuria, alumnas do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, e precisamos a vosa axuda! Entra nesta páxina e dálle a "gústame" e se podes difunde isto. Unha viaxe ao CERN(maior laboratorio de física de partículas do mundo) ou unhas entradas para Naukas 2017 están en xogo.
Moitas grazas de anteman pola vosa colaboración e viva a #cienciaengalego!!"

domingo, 28 de maio de 2017

Compartindo os nosos coñecementos sobre aves


Este sábado 3 de xuño ás dez da mañá daremos unha charla sobre as principais aves do esteiro na Fundación Eduardo Pondal no Couto, en Ponteceso.
Estades todos invitados a compartir as nosas investigacións deste inverno.

xoves, 25 de maio de 2017

Paseando aos fillos pola Ponte

Esta fin de semana Mouhssin descubriu un dos primeiros paseos dunha familia de alavancos reais. Só falta papá.

domingo, 21 de maio de 2017

Participando en Cienciaclip

Boas, somos Jenni, Bea e Nuria, alumnas do IES de Ponteceso, e precisamos da túa axuda! Entra nesta páxina e dálle a "gústame" 👍e, se podes, difunde isto. Unha viaxe ao CERN (o maior laboratorio de física de partículas do mundo) ou unhas entradas para Naukas 2017 están en xogo. Moitas grazas e que viva a #cienciaengalego


Arder sen arder


venres, 19 de maio de 2017

Repartindo torundas para analizar as bacterias da cociña


Iniciamos o noso proxecto de microbioloxía repartindo as torundas para tomar mostras. O luns faremos os cultivos na reunión do club de ciencias.
Lembrade o procedemento.

INVESTIGAMOS AS BACTERIAS PRESENTES NA TÁBOA DE CORTAR.
Neste proxecto de investigación queremos coñecer as bacterias coas que compartimos as táboas que se empregan para cortar na cociña de casa.
A primeira parte deste proxecto implica a recollida ordenada de mostras empregando torundas estériles.
  1. Deixamos a táboa sen limpar tras o último uso e esperamos un par de horas.
  2. Pasamos a torunda pola táboa e etiquetamos. É moi importante etiquetar ben: que alumno recolle a mostra e que condicións ten. Neste caso anotamos o noso nome e poñemos o número 1.
  3. Limparemos a metade da táboa con xabrón e auga e a outra metade só con auga. Sempre auga fría.
  4. Pasamos unha torunda pola metade lavada con xabrón e gardamos e etiquetamos a torunda. Nesta etiqueta poremos o noso nome e o número dous.
  5. Pasamos a segunda torunda pola outra metade da táboa, a lavada con auga e etiquetamos correctamente. Nesta etiqueta poremos o noso nome e o número tres.
O luns levamos as nosas mostras á reunión do club de ciencias para facer o cultivo.

mércores, 17 de maio de 2017

A enquisa da percepción social da ciencia demostra curiosas carencias

Novamente volve a sorprendernos a cultura científica dos españois. Na VIII Enquisa de percepción social da Ciencia publicada polo FECYT volvemos a atopar curiosas respostas a preguntas de cultura científica básica.
https://www.fecyt.es/es/noticia/crece-el-interes-de-las-mujeres-por-la-ciencia-y-la-tecnologia

Segundo un 11'7% dos encuestados o Sol xira ao redor da Terra. E case unha cuarta parte pensa que os dinosauros conviviron cos humanos. Curioso, non?

domingo, 14 de maio de 2017

Buscando ADN

Nunha xornada con asistencia reducida por culpa da viaxe a Portugal, o pasado luns vestímonos de forenses e obtivemos ADN de tres especies vexetais: cebola, pemento e kiwi.

Aínda que un pouco apurados de tempo ao final fomos capaces de obter bos resultados.
Só a cebola puxo problemas á hora de revelar o seu ADN.
Agora só falta investigar sobre as cuestións que saíron da experiencia.Para que serven cada un dos pasos do procedemento?
  1. O lavavaixelas
  2. a batedora
  3. O zume de piña
  4. O alcol
Lembrade que tedes que facernos chegar as vosas respostas.