martes, 31 de xaneiro de 2023

Os xenes e o ambiente

 


 Este martes a nosa biblioteca vestiuse de gala para recibir a Ángel Carracedo. Á charla, titulada
Falemos de xenes e ambientes, asistiron máis de 50 persoas de toda a comunidade educativa e
foi presentada polas alumnas Candela, Nerea e Inés.
O xenetista e catedrático Ángel Carracedo debullou dun xeito sinxelo e ameno a relación entre
a xenética e as enfermidades mentais. Tras a charla, respondeu ademais a todas as preguntas
formuladas polos asistentes, que non foron poucas.

mércores, 25 de xaneiro de 2023

Visitamos o CIMUS e a Fundación de Medicina Xenómica acompañados por Ángel Carracedo

 

O pasado luns 23 de xaneiro un grupo de 24 alumnos de 1º e 2º de Bacharelato desprazáronse

a Santiago para visitar o Cactus, o Cimus e mais a Fundación de Medicina Xenómica.

Na primeira parte da visita, fixéronse dous grupos e, mentres o primeiro se dirixía ao Edificio

Cactus o segundo facía unha visita ao Cimus acompañados polo xenetista Ángel Carracedo.



Máis tarde encontrariámonos na Fundación de Medicina Xenómica onde, ademais de tomar un

café con Ángel Carracedo, puidemos gozar dunha visita guiada polas laboratorios das

instalacións.



martes, 24 de xaneiro de 2023

Seguimos aprendendo para o noso acuario

 

O mércores 18 de xaneiro a 22 alumnas e alumnos do Club de Ciencias, acompañados polas
profesoras Clara Regueira e Laura Sobrado, visitaron o Aquarium da Coruña.
Na visita a rapazada gozou das especies expostas nas distintas salas e puido tomar ideas para a
creación do noso propio acuario. Puidemos asistir ao momento de alimentar os peixes, pero
non tivemos a sorte de que o tiburón Gastón quixese comer, a pesares dos intentos do
mergullador. Por mor do temporal, tampouco puidemos ver as terrazas exteriores nin as focas.
O alumnado quedou encantado con esta visita.


Posteriormente dirixímonos ao MUNCYT, tamén na vila da Coruña. A visita guiada, aínda que
curta, foi ben aproveitada polos nenos e nenas, que participaron activamente e responderon,
case sempre con moi bo tino, ás preguntas dos guías.



martes, 20 de decembro de 2022

Xa temos cuestionario

 

O noso panda está durmindo pero nós non. Xa temos o cuestionario en socrative e estamos lanzándoo nas distintas clases do centro. 

Á volta de vacacións comezaremos a analizar resultados.

Que hai de xenes e ambiente nas enfermidades psiquiátricas?

 

O próximo día 10 de xaneiro teremos a sorte de contar co Dr Ángel Carracedo para falar dunha das grandes epidemias do noso século, as enfermidades mentais. Estades todos invitados, só tedes que escribir un correo

martes, 13 de decembro de 2022

Pero había moito que limpar

 Continuamos coa limpeza do acuario. Tras retirar a auga do acuario e limpar a conciencia as paredes do mesmo, quedaba a parte menos agradable, limpar o filtro. Este levaba varios anos parado e sen limpar. O alumnado de 2º de FPB de Automoción fixo o traballo. Desmontaron o filtro e limpárono. Non foi doado, xa que o cheiro era bastante intenso, pero demostraron unha gran profesionalidade.

Despois montamos o filtro novamente pero, cando quixemos arrincalo, non funcionaba. Xa estabamos convencidos de que deberíamos mercar unha bomba nova cando apareceu Javier, o profesor de Auto, que tras unha hora intentando cebar a bomba, conseguiu que arrincase. Moitas grazas, Javier!

Nos próximos días procederemos a encher o acuario para que se vaian creando unhas condicións óptimas para a vida e así, á volta do Nadal, introducir as nosas primeiras especies.


 

xoves, 1 de decembro de 2022

Un pouco de limpeza non fai mal a ninguén

 


Tras recibir a primeira formación para a creación do noso acuario mariño de litoral, hoxe comezamos a limpeza do acuario. Levaba anos cos mesmos habitantes, unas carpas que marcharon para outros fogares, xa que foron moitos os alumnos interesados en levarse algunhas.

Primeiramente houbo que baleiralo e procedemos despois a limpalo. Para iso contamos coa inestimable axuda da profesora Susana e dos alumnos Xandre e Martín.