Foto: NASA Goddard Space Flight Center (Flickr) |
Como podedes ver na imaxe, é difícil atopar un punto en Europa que non estea iluminado de noite. En África somos capaces incluso de seguir parte do curso do río Nilo grazas ás luces.
O proxecto Globe at night busca realizar un mapa completo para coñecer exactamente o nivel de contaminación lumínica de distintos puntos do planeta empregando a colaboración cidadá para facelo (mapa do 2015). Se miras o mapa do 2015 verás que non teñen ningún dato de Galicia e moi poucos de España así que lles imos botar unha man e así conseguimos que a nosa comarca apareza nese mapa. Só temos que facer cinco pasos:
- Debemos atopar no ceo a constelación que se está estudando neste momento. Os próximos días de observación serán: Entre o 18 e o 27 de abril, entre o 15 e o 26 de maio e entre o 15 e o 25 de xuño. E a constelación que están estudando é a de Leo. (Para localizar Leo no ceo quedaremos un día pero xa podedes ir buscándoa mediante a aplicación Stellarium que tedes en todos os ordenadores de clase e que podedes descargar no voso ordenador de casa posto que é gratuíto)
- Abrimos no teléfono móbil a páxina da aplicación e saímos á rúa: https://www.globeatnight.org/es/webapp/
- Esperamos uns dez minutos para que os ollos se adapten á luz e buscamos no ceo a constelación de Leo.
- Compara as estrelas que ves mirando á constelación de Leo e compara coas opcións de magnitude que che ofrece a aplicación.
- Contesta ás cuestións sobre localización e meteoroloxía e envía a túa observación.
Hoxe imos probar que tal se nos dá decidir a magnitude do brillo facendo unha práctica coa aplicación. (Pincha sobre a imaxe e abre noutra pestana o seguinte enlace)
Ningún comentario:
Publicar un comentario